Como preparar un debate eleitoral?

11 05 2011

Campaña eleitoral de 1960 nos EE.UU. Nun prazo de dous meses, setembro e outubro, Richard Nixon e John Fitzgerald Kennedy enfrontáronse cara a cara en catro ocasións. A primeira delas, en Chicago, marcaba o nacemento dun novo formato da televisión política que aínda permanece vixente a día de hoxe: o debate eleitoral.

Malia que se trata dun formato que non é exclusivo da televisión (o que se celebra este xoves en Ribadeo será sen cámaras) si é certo que este medio ten unha importante responsabilidade no interese que espertan estes eventos coa chegada das campañas previas aos comicios pois cando se organiza un a todo mundo lle vén á mente o cara a cara González-Aznar do 93 ou o Rajoy-Zapatero de 2008.

Luis Arroyo afirma que os debates eleitorais son o “único momento en el que se puede ver a los candidatos jugando uno con otro sin intermediarios, en directo, sin corsés, con la posibilidad de meter la pata, con la posibilidad de que digan la frase del año”.

A nivel conceitual, o debate eleitoral é a confrontación de ideas entre dous ou máis suxeitos coa mediación dunha persoa que exerce como moderadora.

Concédaselle máis ou menos capacidade de mover o voto ao debate, o que si hai que ter claro é que é algo serio que requiere, para obter un bo resultado no mesmo, unha preparación previa.

No primeiro debate eleitoral celebrado na televisión española, en 1993, Felipe González (PSOE) subestimou ao candidato do Partido Popular, José María Aznar. O socialista chegou ao debate sen telo preparado e logo de celebrar o día antes, recén chegado de América Latina, un acto en Canarias tralo cal case perde a vida nun incidente  no avión que o trasladaba a Madrid. Todo elo pasou factura a un político que entrou no plató cun carisma infranqueábel e que saiu do mesmo con titulares coma estes: “Triunfo claro de Aznar en el primer debate”, encabezaba o diario El País ou “El aspirante ganó medio palmo político”, tal e como abría a súa edición La Vanguardia. Para o segundo debate, González suspendeu actos eleitorais o día previo e preparou a fondo o cara a cara con Aznar, obtendo un resultado moito mellor.

O primeiro que hai que decidir é se cómpre asistir ou non. A miña resposta é que non se debe negar nunca a participación nun debate pois a cidadanía temos dereito a escoitar e a confrontar os pensamentos de quen quere ser representante da nosa soberanía. Aínda así, un debate sempre beneficia a quen vai detrás nas enquisas ou a quen está na oposición pois nada ten que perder e si moito por gañar.

Unha vez aceitada a participación hai que saber cando, onde e como se vai celebrar o debate. Neste caso as condicións veñen impostas por quen organiza o acto: será ás 20.30 horas do xoves 12 de maio de 2011 no Cine-Teatro de Ribadeo a proposta de La Voz de Galicia co obxectivo de tratar temas coma o urbanismo, a economía municipal, os servizos sociais, a cultura ou o deporte.

A priori, a data é acertada para congregar a unha importante cantidade de público pois non hai ningún outro acontecemento deportivo, cultural ou festivo que lle faga competencia. Así mesmo, a hora permite asistir ao debate incluso ás persoas que traballan.

O Cine-Teatro non é un lugar descoñecido para os catro candidatos. PSdeG-PSOE e PP acaban de celebrar alí os seus mítines e BNG e UPRI xa teñen feito alí actos. Conta con boa visibilidade tanto para os candidatos como para o público e cunha acústica que, axudada pola megafonía, permite escoitar con claridade tanto na parte baixa como na alta da sala. A súa capacidade permite albergar arredor de 300 persoas, tanto sentadas como de pé, e todo parece indicar, a xuízo do visto na anterior edición, que estará cheo.

¿Como se vai celebrar? Saber os temas a tratar e máis cantas persoas participarán no debate é fundamental para construción do discurso. Neste caso serán catro os candidatos que interveñan e, á falta de saber cal será a estrutura exacta, quen queira sacar un resultado positivo debe ser quen de buscar un espazo propio no debate co fin de trasladar de maneira efectiva a súa mensaxe.

¿Como se constrúe o relato? En primeiro lugar hai que ter en conta que é un debate e non un monólogo. Non é o lugar para soltar un “speech” coas propostas dun senón a ocasión para confrontar proxectos, para lanzar propostas e rebater acusacións. Hai, pois, que construír un relato cunha base argumental axeitada. Os días previos deben empregarse na recollida de datos para soster tanto as argumentacións propias como para facer fronte ás acusacións dos rivais. Os argumentos deben enfiarse nun relato que ten que ter como máximas a claridade, a concisión e máis a sinxeleza. A elaboración do discurso debe contemplar a preparación dunha serie de ideas forzas que, integradas no relato, chamen a atención de quen escoita. Non vale de nada soltar unha ducia de medidas seguidas, mellor dúas boas que sexan quen espertar o interese do público cá vinte que pasen desapercibidas. Todo canto se propoña ten que ser críbel para que escoita polo que debe levar unha boa base argumental.

Tanto se hai participación do público coma se non, hai que prestar atención aos temas máis polémicos e ir preparado para dar resposta a preguntas comprometidas que poden xurdir malia que non se atopen entre os temas propostos nos eixes temáticos do debate.

Hai quen gusta dos datos, de facelos públicos nun debate. Eu entendo que non é o mellor lugar para elo porque o tempo é pouco e as cifras non son doadas de reter. Do mesmo xeito hai quen propón empregar gráficos para que sexan máis comprensíbeis. Nun debate como deste xoves, un gráfico é un elemento inútil pois ao non haber cámaras non se verá nada anulando o seu efecto.

Dous momentos clave nun debate son a intervención inicial e máis a final. Como nos bos filmes, un bo relato precisa un final brillante. Este vén marcado polo que suceda ao longo debate polo que todo canto se prepare pode ser en balde pero aínda así debe ser unha intervención na que o candidato, neste caso, aproveite para anunciar algunha medida importante a través dun discurso directo, mirando á xente, e cun ton conclusivo. É a ocasión para as citas, para dotar ao descurso dun carácter máis literario e máis para xogar co ritmo do relato e máis cos silencios.

En canto á intervención inicial, é o momento de presentarse, de enmarcar o descurso que se vai desenvolver. Se se parte do goberno é unha boa ocasión para realizar un balanzo da xestión cunha ollada ao futuro. Cando o punto de partida é a oposición hai que apostar por cuestionar o feito por quen ocupa o goberno e para anticipar algunha das propostas de cambio que se prantexan.

Sobre a comunicación non verbal. Di Napolitan que “se puede pulir un candidato pero no cambiarlo realmente” e diso se trata de minguar os seus puntos febles no debate.  A entrada ao escenario debe amosar seguridade, convición. A colocación do corpo debe transmitir naturalidade, nin excesivamente ríxido nin relaxado e a ollada debe dirixirse ao conxunto das persoas que presencian o debate: á moderadora, ao resto de candidatos cos que se comparte mesa pero sobre todo á xente que está no público, de maneira especial cando se vaia anunciar algo. Á hora de falar cómpre respetar os turnos de intervención, responder ás alusións ou ataques dentro do turno propio e non enfadarse nin berrar pois é algo que o público, como é obvio, non soporta.

Malia que moitos non o queiran entender, isto tamén é comunicación e cómpre prestarlle tanta atención ou máis cás palabras que se pronuncian.

Este son tan só algúns consellos para mellorar a participación nun debate eleitoral pero, unha vez máis, de nada serve preparar un debate, se non hai unha estratexia de conxunto, que axude a manter un relato sólido, capaz de ilusionar e de emocionar, e que se teña en conta ao longo dos quince días de campaña mais tamén durante os catro anos de lexislatura.

Para saber máis da preparación dos debates:

  • Marín, Benjamín, “Debates electorales por televisión” en Berrocal, S., Comunicación política en televisión y nuevos medios, Ariel Comunicación, Barcelona, 2003.
  • Arroyo, L., “Un decálogo sobre los debates” en Academia de las Artes y las Ciencias de la Televisión (coord.), El debate de los debates 2008, Ámbit Servicios Editoriales, Barcelona, 2008.
  • Blumler, G.J. Y McQuail D. Television in Politics, Faber and Faber, London, 1968.
  • Faucheaux, R., “Vademécum para los debates” en Programa de Formació Electes Locals, número 9, Xarxa de Municipis-
  • Diputació Barcelona.

Accións

Information

Deixar un comentario