Eu quero ser alcalde

26 04 2011

A presentación pública das catro candidaturas que concorren aos comicios municipais do vindeiro 22 de maio marcou o inicio oficial da precampaña eleitoral en Ribadeo. Dos catro cabezas de lista, homes todos eles, ningún é descoñecido para a sociedade ribadense. O actual alcalde, Fernando Suárez, lidera por terceira vez a lista do Bloque Nacionalista Galego; Manuel Valín, quen fora concelleiro de Cultura durante o mandato de José Carlos Rodríguez Andina, encabeza por vez primeira a candidatura do Partido Popular; Eduardo Gutiérrez, hoxe cabeza de cartel do Partido Socialista, foi alcalde do BNG entre 1987 e 1995; e Francisco Rivas, candidato por segunda vez da UPRI, formou parte como edil do goberno popular encabezado por Rodríguez Andina.

Cando unha formación política se presenta a uns comicios faino cun obxectivo que non necesariamente ten que ser acadar o goberno. Hai quen busca mellorar o número de votos de anteriores citas eleitorais para ter máis peso como oposición ou quen quere presentar a unha nova candidata ou candidato co fin de reforzar o seu posicionamento de cara próximas citas coas urnas.

Non é o caso de Ribadeo. Aquí todos os aspirantes amosaron de maneira explícita o seu anceio de acadar un número de votos tal que lles permita ocupar a alcaldía. E seguro que en máis dunha ocasión dixeron, diante de propios, extraños ou incluso para o seu interior a frase coa que dá comezo este artigo: eu quero ser alcalde.

Máis complicado e menos habitual antes de dar o paso de liderar unha candidatura é  responder a unha pregunta clave en materia de comunicación: ¿por que quero ser alcalde?.

A resposta a esta cuestión non é baladí. A política e máis quen a practica non gozan dunha boa imaxe entre a cidadanía. Cada barómetro mensual do CIS evidencia que a clase política é un problema no canto de ser solución e iso exténdese tamén ao ámbito local. Son frecuentes as sentencias populares que afirman que nas listas só van aqueles que teñen algún favor que pagar ou por pedir e que naqueles que aspiran á alcaldía pesa máis o desexo de enriquecerse cá vontade de servizo público.

Por iso é preciso ter moi claras as motivacións que hai detrás da decisión de encabezar unha candidatura. Non é suficiente dicir que todo vai mal e que contigo irá mellor; non chega con presentar un programa con ducias de atractivas propostas; e non garante a reelección afirmar que hai moito feito pero aínda queda moito por facer.

Hoxe a política, tamén a local malia que haxa quen o poña en dúbida, móvese por percepcións. Naturalidade, empatía, humildade, proximidade, diálogo, moito diálogo, contacto e sobre todo capacidade de emocionar son claves para convencer. E para convencer a Ribadeo, para emocionar a quen vota e lograr credibilidade, a base que calquera persoa precisa para estar na política, cómpre estar convencido un mesmo, ser capaz de explicar a quen pregunta, sen tatexar nin por un intre, o por que de ser alcalde.

Para ler sobre a materia:

  •  Rúas, Xosé, Quero ser presidente, Alvarellos Editora, Compostela, 2008.
  •  Costa, Pere-Oriol (comp.), Cómo ganar elecciones, Paidós Comunicación, Barcelona, 2008.
  •  De Cora, J., Manual del perfecto político, Espasa-Calpe-Crónicas de Hoy, Madrid, 1991.
  •  Napolitan, Joseph, “100 cosas que he aprendido en 30 años de trabajo como asesor de campañas electorales”, ponencia  presentada na 19ª Conferencia Anual da Asociación Internacional de Asesores Políticos, 1986.