Decálogo para tratar cos medios de comunicación

29 04 2011

Unha campaña eleitoral de ámbito municipal debe desenvolverse na rúa, no porta a porta, na escoita das veciñas e veciños, nos actos cos sectores produtivos de maior peso no concello, coas asociacións e colectivos culturais… Pero tamén, que dúbida cabe, nos medios de comunicación.

Ribadeo conta cunha ampla presenza destes. Dous xornais comparten escenario mediático cun semanario de ámbito local; con dúas emisoras de radio con sede na vila e máis dúas de ámbito municipal que tamén se ocupan da actualidade ribadense; cunha televisión con cobertura no Occidente Astur e máis en parte da Mariña Oriental; e máis cun portal de noticias. E todo elo nun concello de tamaño medio que rolda os dez mil habitantes.

Para quen se adica á vida pública os mass-media son a principal canle para facer chegar a súa mensaxe ao eleitorado, tamén no ámbito local. A imaxe repítese cada mañá en ducias de bares e cafeterías ribadenses: ler as páxinas coa información de Ribadeo e acto seguido comentar o tema do día, xeralmente político.

Para as persoas que traballamos no xornalismo ás mulleres e homes da política son unha boa fonte informativa e responsabilidade nosa é exercer unha función de control do poder político e máis de quen o detenta.

Quen exerce a política sabe da importancia dos medios e non é raro escoitar, sobre todo de portas cara dentro, queixas sobre o tratamento que uns ou outros ofrecen dun determinado tema.

En ocasións, xa sexa en campaña eleitoral ou fóra dela, a relación entre polític@s e xornalistas está inzada de tiras e afrouxas. De aí que quen se adica á política precise unha serie de claves para tratar cos medios.

Aquí vai un decálogo que recolle algunhas delas:

Non subestimar nin menosprezar aos medios de comunicación. Respetalos, tratalos con seriedade son os piares para unha relación fluída e exitosa.

Honestidade. Nin xornalistas nin cidadanía perdoan unha mentira. Ante os erros, moito mellor recoñecelos cá ocultalos.

Estratexia. Tamén en comunicación. Hai que marcar uns obxectivos así coma os pasos para chegar a eles. En política nada pode ficar ao azar, tampouco as tarefas de comunicación. Hai que pensar, preparar e estudar cada comparecencia, cada declaración.

O discurso. En política cómpre dar forma a un relato sedutor, claro e conciso, capaz de emocionar a quen o escoita pero ao tempo realista. A elección dunha serie de “ideas-forza” (poucas e boas moito mellor cá moitas e malas) permitirán situar a mensaxe elixida nos titulares.

Coñecer os medios e como traballan as e os profesionais dos mesmos. Cómpre estar ao tanto das súas rutinas, do público ao que se dirixen, da linguaxe que empregan, das súas estruturas internas, dos problemas que lles afectan…

As roldas de prensa. Deben planificarse pensando nos medios. A hora de convocatoria, a iluminación (ollo cos contraluces para as cámaras), o son, a colocación dos medios gráficos, a escenografía, todo importa e todo debe estar estudado e planificado.

Material complementario. Os tempos no xornalismo son moi xustos, máis no eido local. Ás veces hai tres ou catro actos pola mañá para cubrir á mesma hora así que cómpre facilitar aos medios. Un DVD con fotografías, con clips de audio ou video, así como con información complementaria sempre é benvido.

Contacto cos medios. Unha chamada para ampliar ou aclarar información axuda a afianzar as relacións pero sempre dende o respeto absoluto ao seu traballo.

O silencio. Unha rolda de prensa sen preguntas ou a negativa a realizar unha comparecencia é un desprezo á cidadanía. Quen se adique á política ten que saber que ten a obriga de rendir contas das súas actuacións.

Non baixar a garda. Un comentario fóra de lugar pode botar por terra unha carreira polo que cómpre coidar que se di, como se di e cando se di.

Estes son tan só dez consellos. Axudarán a quen se adique á política e máis ao seu equipo mais non sirven de nada se detrás non se atopa un proxecto político sólido e de garantías que sexa quen de conectar coa prensa pero sobre todo coa cidadanía.

Sen política non hai comunicación pero sen comunicación tampouco hai política.





Eu quero ser alcalde

26 04 2011

A presentación pública das catro candidaturas que concorren aos comicios municipais do vindeiro 22 de maio marcou o inicio oficial da precampaña eleitoral en Ribadeo. Dos catro cabezas de lista, homes todos eles, ningún é descoñecido para a sociedade ribadense. O actual alcalde, Fernando Suárez, lidera por terceira vez a lista do Bloque Nacionalista Galego; Manuel Valín, quen fora concelleiro de Cultura durante o mandato de José Carlos Rodríguez Andina, encabeza por vez primeira a candidatura do Partido Popular; Eduardo Gutiérrez, hoxe cabeza de cartel do Partido Socialista, foi alcalde do BNG entre 1987 e 1995; e Francisco Rivas, candidato por segunda vez da UPRI, formou parte como edil do goberno popular encabezado por Rodríguez Andina.

Cando unha formación política se presenta a uns comicios faino cun obxectivo que non necesariamente ten que ser acadar o goberno. Hai quen busca mellorar o número de votos de anteriores citas eleitorais para ter máis peso como oposición ou quen quere presentar a unha nova candidata ou candidato co fin de reforzar o seu posicionamento de cara próximas citas coas urnas.

Non é o caso de Ribadeo. Aquí todos os aspirantes amosaron de maneira explícita o seu anceio de acadar un número de votos tal que lles permita ocupar a alcaldía. E seguro que en máis dunha ocasión dixeron, diante de propios, extraños ou incluso para o seu interior a frase coa que dá comezo este artigo: eu quero ser alcalde.

Máis complicado e menos habitual antes de dar o paso de liderar unha candidatura é  responder a unha pregunta clave en materia de comunicación: ¿por que quero ser alcalde?.

A resposta a esta cuestión non é baladí. A política e máis quen a practica non gozan dunha boa imaxe entre a cidadanía. Cada barómetro mensual do CIS evidencia que a clase política é un problema no canto de ser solución e iso exténdese tamén ao ámbito local. Son frecuentes as sentencias populares que afirman que nas listas só van aqueles que teñen algún favor que pagar ou por pedir e que naqueles que aspiran á alcaldía pesa máis o desexo de enriquecerse cá vontade de servizo público.

Por iso é preciso ter moi claras as motivacións que hai detrás da decisión de encabezar unha candidatura. Non é suficiente dicir que todo vai mal e que contigo irá mellor; non chega con presentar un programa con ducias de atractivas propostas; e non garante a reelección afirmar que hai moito feito pero aínda queda moito por facer.

Hoxe a política, tamén a local malia que haxa quen o poña en dúbida, móvese por percepcións. Naturalidade, empatía, humildade, proximidade, diálogo, moito diálogo, contacto e sobre todo capacidade de emocionar son claves para convencer. E para convencer a Ribadeo, para emocionar a quen vota e lograr credibilidade, a base que calquera persoa precisa para estar na política, cómpre estar convencido un mesmo, ser capaz de explicar a quen pregunta, sen tatexar nin por un intre, o por que de ser alcalde.

Para ler sobre a materia:

  •  Rúas, Xosé, Quero ser presidente, Alvarellos Editora, Compostela, 2008.
  •  Costa, Pere-Oriol (comp.), Cómo ganar elecciones, Paidós Comunicación, Barcelona, 2008.
  •  De Cora, J., Manual del perfecto político, Espasa-Calpe-Crónicas de Hoy, Madrid, 1991.
  •  Napolitan, Joseph, “100 cosas que he aprendido en 30 años de trabajo como asesor de campañas electorales”, ponencia  presentada na 19ª Conferencia Anual da Asociación Internacional de Asesores Políticos, 1986.