Detrás dos números hai algo máis

23 05 2011

Falaron as urnas en Ribadeo e outorgaron unha maioría absoluta á candidatura do Bloque Nacionalista Galego (BNG) encabezada por Fernando Suárez. Antes de analizar as claves da vitoria de quen ostentou a alcaldía en minoría ao longo dos últimos catro anos e máis o resultado obtido polas outras tres formacións políticas que se presentaban en Ribadeo, cómpre botar un ollo aos datos estatísticos.

Os deste 22 de maio foron uns comicios marcados no concello por unha ampla participación. O 74,38% (6.197 mulleres e homes) do censo eleitoral acudiu votar, fronte ao 69,62% de 2007, deixando a abstención nun 25,62%, oito puntos por debaixo da media estatal (33,77%) e cinco puntos por debaixo da abstención rexistrada en 2007 (30,38%). Aínda así, o número absoluto de votantes, 6.197, é menor cá en 2007, que foi de 6.312

Hai dous datos que cómpre ter en conta, sobre todo se a análise se realiza cunha óptica estatal, que son os indicadores de voto nulo ou voto en branco. No conxunto do Estado hai máis dun millón de cidadáns e cidadás que elixiron unha destas opcións, medrando de forma considerábel estes dous indicadores. O voto en branco sitúase nun 2,54% (fronte ao 1,92% de 2007) e o voto nulo pasa ao 1,70% (en 2007 a porcentaxe foi do 1,17%). En Ribadeo tamén aumentan. O voto en branco acada o 1,99% do eleitorado (foi do 1,69% en 2007) e os votos nulos rexistran unha subida superior a un punto porcentual, pasando do 0,55% en 2007 ao 1,82% en 2011. Son datos salientábeis que non se deben perder de vista pois denotan un fenómeno crecente que podería ter que ver con certa desafección para coa política e máis os políticos que noutros puntos do Estado está cristalizando nunha importante mobilización cidadá.

Análise dos resultados

O BNG gaña os comicios de maneira clara, subindo considerabelmente en número de votos, pasa de 1.927 en 2007 a 2.689 en 2011, e logrando unha maioría absoluta con 7 concelleiros que achega caras novas á corporación local como son Ana María Martínez, Tareixa González ou Xavi Campos. Onde está o por que deste resultado? O goberno en minoría dos nacionalistas foi quen de traballar e ir transformando en accións o seu proxecto ao longo dos últimos catro anos sen grandes sobresaltos. Ao seu favor a política de proximidade, tanto na vila coma sobre todo no rural, que obtivo o favor das urnas o que demostra que a política local outorga o triunfo á escoita permanente durante o tempo que dura a lexislatura.  Agora ten nas mans unha maioría suficiente para sacar adiante un programa eleitoral que calificaron coma “contrato” con Ribadeo e do que deberán dar conta ao remate da lexislatura. De como xestionar unha maioría absoluta darase conta nunha entrada posterior.

A segunda forza política en Ribadeo continúa sendo o Partido Popular, que chegaba a estes comicios cun cabeza de cartel renovado, Manuel Valín, quen fora concelleiro durante o mandato de José Carlos Rodríguez Andina. Conseguen 1.797 votos, fronte aos 1.815 de 2007, un dato que lles outorga 4 edís na corporación. A principal eiva dos populares atópase na crenza de que un pouso de votos que debería ser propio se trasladou nos anteriores comicios á UPRI. Pois ben, non só non conseguiron recuperar eses apoios senón que os arredor de cen votos que perde a UPRI van parar á maioría do BNG. A tendencia do PP ribadense non continúa o camiño en ascenso da súa formación a nivel autonómico ou estatal. Malia que o seu discurso se centrou ao longo da campaña nun proxecto de ámbito local, realizábel en catro anos, afastándose da mensaxe en clave estatal do PP, faltou tempo e achegamento á cidadanía. Non se gañan comicios cun mitin e máis cunha xuntanza para coñecer as inquedanzas de quen vota a medio ano dos comicios. Gañar eleccións é unha carreira de fondo, que comeza hoxe para as municipais de 2015, e os proxectos políticos son cousa dun equipo e non só dun candidato. Un erro de estratexia comunicativa é presentar como aval ante a cidadanía o traballo feito oito anos atrás. Pode ser un referente a ter en conta pero nunca o piar principal da campaña pois as circunstancias económicas e o contexto cambiaron e Ribadeo xulgou eses oito anos de goberno cunha derrota nas urnas nos comicios de 2003. Moito menos se pode empregar ese balanzo como eixe dunha candidatura de renovación no partido.

UPRI, malia perder case un cento de votos, pasando dos 830 de 2007 aos 742 de 2011, convértese na terceira forza política de Ribadeo, por diante do PSdeG-PSOE, cun concelleiro na corporación. Tanto o seu traballo na oposición ao longo dos catro anos de lexislatura coma a campaña proposta foron moi duras coa xestión feita polo goberno do BNG. Cando unha formación aposta por unha campaña negativa debe ter en conta o clima político, neste caso de Ribadeo. E a percepción maioritaria en Ribadeo, tal e como demostraron as urnas, non era a dunha desfeita total e absoluta que presentaba a agrupación independente no seu material de campaña. Tampouco axudou o proxecto da UPRI para esta lexislatura. As súas propostas, nalgúns casos de dubidoso cumprimento, batían de fronte cunha realidade económica, tanto municipal coma autonómica ou estatal, que non pasa polo seu mellor momento polo que no canto de reforzar a confianza no se proxecto, puido provocar certa desconfianza.

A peor parte dos comicios locais deste 22 de maio lévaa un PSdeG-PSOE que acada a nivel local a representación máis baixa en todo o período democrático: un concelleiro. Pasa dos 1.530 votos en 2007 a 735 en 2011, unha caída próxima aos 800 votos que continúa unha tendencia emprendida nas eleccións de 2007 e sumando en 8 anos un descenso que rolda os 1.200 votos.  A clave do declive socialista, lonxe de entendela en clave estatal (considero que en Ribadeo o efecto desgaste ou desafecto para co proxecto Zapatero non é excesivamente significativo) cómpre analizala en clave local.

En concreto cómpre mirar á inestabilidade da agrupación socialista á hora de construír un proxecto propio e con garantías para afrontar uns comicios locais. Os dous últimos cabezas de lista que presentou en Ribadeo o PSdeG-PSOE chegan rebotados doutras formacións e as renovacións na lista son constantes o que evidencia que falta a concepción dun proxecto a longo prazo. Deberan abrir os socialistas ribadenses un proceso de transición que lles valese para confeccionar un equipo de xente de seu que afronte con garantías as seguintes citas eleitorais cun horizonte que vaia máis aló de 2015.

Alén da coxuntura interna, O PSdeG-PSOE errou na campaña, máxime cando había unha renovación tan importante na candidatura. Comezou tarde, no mes de novembro de 2010, personalizando o proxecto para os vindeiros catro anos nun candidato, Eduardo Gutiérrez, chegado doutro partido, a quen as urnas xa lle retiraron a confianza no seu momento, en maio de 1995, co risco que isto conleva. En pouco máis de seis meses, logo de tres anos e medio nos que o traballo do grupo municipal pasou moi desapercibido, había que artellar un equipo novo que fose quen de presentar con garantías un proxecto para Ribadeo. Lonxe disto, o PSdeG-PSOE apuntouse á unha “campaña-express” de desgaste do BNG que, ao igual que lle sucedeu á UPRI, non atopou resposta positiva por parte da cidadanía.

Pechados os colexios, coñecidos e analizados os resultados de 2011, xa se pode anunciar que comezou a campaña para as municipais de 2015.

Pódese atopar outra análise do acontecido en Ribadeo no blogue de Antonio Gregorio: “Ribadeando”.





Como comunicar os resultados

22 05 2011

Son as 20.05 horas deste 22 de maio e acaban de pechar os colexios eleitorais. A sorte está botada. A cidadanía falou nas urnas e exerceu o seu dereito determinando quen quere que goberne Ribadeo ao longo dos próximos catro anos.

Agora é o momento de agardar, non moito, para saber os resultados definitivos e tamén a ocasión para preparar as reaccións dos candidatos á alcaldía co escrutinio rematado.

Xa se ten publicado neste blogue que os comicios gáñanse ou pérdense dende o primeiro momento e unha vitoria mal xestionada pode ser o anticipo dunha derrota posterior así como unha derrota ben xestionada pode abrir as portas do triunfo dentro de catro anos. É por elo que cómpre destacar a importancia da comunicación na noite eleitoral. Nas horas seguintes a que se coñezan os resultados haberá medios de comunicación que pidan unha valoración dos candidatos, tocará poñer un estado nas redes sociais, actualizar as páxinas webs e blogues no caso de quen os teña e preparar a mensaxe que se vai trasladar tanto á militancia como á cidadanía ao longo da noite e tamén mañá a través das radios ou das televisións locais.

Tanto se un gaña coma se perde, o primeiro que se precisa é paciencia e prudencia. As mellores intervencións son froito da reflexión e da análise dos datos polo que non hai que obsesionarse con ser o primeiro en falar senón con falar ben. Repasar os resultados mesa por mesa, analizar onde están as subidas ou baixadas que propiciaron a vitoria ou a derrota e comparar cos datos de comicios anteriores son as claves para estabelecer os piares que sustentarán a mensaxe que se vai transmitir. Non se trata de buscar explicacións complexas, para iso precísase unha análise dos datos máis profunda, senón de achegar as primeiras impresións sobre os resultados obtidos.

Cando un gaña cómpre reforzar a prudencia así que permíteme candidato que me dirixa a ti de maneira directa. En Ribadeo é posíbel que non haxa maiorías absolutas polo que as negociacións serán unha constante dende hoxe e até a constitución da nova corporación. Non debes adiantar acontecementos ou decisións que poden mudar ao longo dos próximos días. Felicita ao resto de candidatos (por teléfono antes de facelo a través dos medios), é o mellor xeito de iniciar as intervencións. Agradece o voto así coma o esforzo e o traballo das mulleres e homes que te acompañaron. Lembra que son o teu equipo e que forman parte del durante os quince días de campaña pero tamén nos catro anos de lexislatura. Fai que o saiban. Diríxete á cidadanía e reafirma o teu compromiso de acadar o que lles prometiche ao longo da campaña eleitoral. Ponte ao seu dispor, promete humildade, traballo e escoita das súas inquedanzas e demandas, que se sintan protagonistas das túas verbas.

Se os resultados non son os que agardabas, prepara dende este mismo momento o teu papel de oposición. Felicita a quen gañe e ao resto de candidatos e agradece os apoios recibidos por parte da cidadanía. Adquire con eles un compromiso de traballo arreo no marco dunha oposición construtiva e posiciónate como o seu enlace coa vida municipal. E non esquezas ao teu equipo. Tes na túa man erguérlles os ánimos. Fai que a derrota de hoxe sexa o anticipo dunha posíbel vitoria mañá. Convídaos a participar no proxecto de oposición que queres liderar e deixa nas mans dos órganos internos da formación o determinar se é o momento de tomar decisións orgánicas.

E por riba de todo, acata e comprende o que dixeron as urnas. Cando o pobo fala, gañes ou non, fala ben e a túa obriga como candidato á alcaldía e máis a das mulleres e homes que te acompañan é poñerse ao seu dispor, escoitalo e traballar para atender ás súas demandas.





Segundo avance de participación: Mantense unha subida próxima ao 6% en Ribadeo

22 05 2011

O segundo avance de participación facilitado polo Ministerio do Interior, ás 18.00 horas, indica que en Ribadeo votou un 6,58% máis do censo a estas horas cá nos comicios de 2007.

Os datos concretos son: 58,99% de participación ás 18.00 horas do 22 de maio de 2011 e un 52,48% ás 18.00 horas de 2007. Os seguintes datos xa serán definitivos co peche dos colexios eleitorais.

NOTA: Estes datos son un avance correspondente a unha das mesas, non ás doce coas que conta o Concello de Ribadeo. Os das 14.oo horas si que se corresponden co cento por cento das mesas.

NOTA 2: Cos datos de 10 mesas a participación sitúase nun 57,26% fronte ao 52,48% de 2007, é dicir, un 5,88% máis





A participación aumenta en Ribadeo arredor dun 6%

22 05 2011

Segundo datos do Ministerio de Interior, facilitados ás 15.24, a participación nas mesas eleitorais de Ribadeo aumento un 5,7% con respeito aos comicios de 2007.

En 2007 votaran no primeiro avance un 32,41% das eleitoras e eleitores e nesta ocasión a participación ascende xa ao 38,11%. O seguinte avance de participación será facilitado contra as 6 e media do serán.





Vota coa ilusión da primeira vez…

22 05 2011

Vimos de pasar o ecuador da xornada eleitoral. Ás oito da tarde pecharán os colexios e comezará o reconto para saber cal é o reparto de asentos no Pleno do Concello de Ribadeo. Por diante algo máis de catro horas para que exercer o dereito ao voto. Tempo aínda para pensar e repensar se aínda non tendes decidido a quen votar. E tempo tamén para lembrar a importancia do voto.

Un sentimento de indignación colectiva anega as rúas de boa parte do Estado, o modelo de democracia no que vivimos cuestiónase alí onde hai unha concentración e incluso onde aínda non se chegou a formar; o recelo para cos partidos e os políticos evidénciase nas enquisas do CIS e máis en cada conversa de taberna; e a rebeldía contra o sistema para darlle unha ou dúas voltas roldan o sentir de moitas mulleres e homes de Ribadeo e máis de Galicia enteira…

Hoxe haberá quen coa desculpa do descontento decida non ir votar porque así amosa a súa indignación. É lexítimo e está no seu dereito. Mais cómpre lembrar o moito que custou contar co dereito a decidir quen nos debe representar, neste caso, no noso concello, quen vai rexir os nosos intereses máis próximos. Ou o traballo, o esforzo e máis o sacrificio que tiveron que pasar moitas mulleres para alcanzar o dereito a votar en igualdade de condicións aos homes. Por todo elo, por todas e todos os que no seu día deixaron alma, corazón e vida na procura do dereito ao voto, hoxe cómpre ir votar, a quen queiras, a quen mellor te represente ou con quen sintas máis apego.

Vota coa forza e máis a ilusión daquel primeiro día que o fixeches e cando metas a papeleta na urna lémbrate de quen tanto loitou para que ti e máis eu hoxe teñamos capacidade (mellorábel, iso si) de decidir. Dende algures hoxe estarán felices por ver que o seu esforzo valeu para moito.





Se hai 13 postos e hai 13 persoas dispostas, non debera haber problema

21 05 2011

Ribadeo prepárase para vivir mañá unha xornada de votacións mais tamén de calculadora. Ao peche dos comicios eleitorais tocará facer reconto dos votos obtidos e repartir as 13 actas coas que conta o concello entre as candidatas e candidatos das catro formacións que se presentan.

Antonio Gregorio, amigo e ensinante, achéganos neste artigo que lle pedín prestado para o blogue as claves para comprender o sistema de distribución das actas entre as formacións en función dos votos conseguidos: a lei d’Hondt. Eis a súa aportación:

Se hai 13 postos e hai 13 persoas dispostas, non debera haber problema …

Se son 13 os lugares que hai dispostos e 14 persoas candidatas a ocupalos, hai que elixir. Póñense condicións, criterios, e tómase a decisión. E iso son as eleccións. Pero os votos, o que conta para elixir, só son parte do proceso. Outra parte, moi importante, son os criterios de asignación do cómputo de votos para enmarcalos nos postos existentes

Nun caso concreto, en Ribadeo, nestas eleccións concorren 52 persoas (4 listas electorais, sen os suplentes) para 13 postos. Hai que elixir. Hai 9000 persoas inscritas como votantes, para facer a elección, o que se fai dando un voto cada un dos electores a unha soa lista, encadrada por 13 persoas (novamente, máis os suplentes en caso de que alguén que conte como titular falle e sexa necesario remprazalo).

Deixando á parte a confección das listas, correspondendo cada unha a un partido ou coalición electoral, eses 13 postos en disputa están pensados para repartirse entre as listas que se presentan, como se se tratara de entidades que poideran ocupar cada unha delas varios postos.

Hai varios sistemas de reparto, de asignación deses votos para a ocupación dos postos dispoñibles. En España úsase o método d’Hondt, un deses sistemas. A solución non é perfecta, e o método ten os seus detractores, que lle achacan principalmente que tende a favorecer ós partidos máis votados, aumentando relativamente o valor de cada voto (como se trata de estatística, hai veces que o máis favorecido non é o máis votado, senón mesmo o menos votado).

Voltando ó método, a súa aplicación é de manual. En síntese, logo de escrutar todos os votos, e polo tanto, ter o número deles que acadou cada lista, fáise unha táboa na que aparecen ditos números sucesivamente divididos por 1, 2, 3, 4, … ata o número total de postos a repartir. Cada un deses números corresponde a un candidato da lista. Así, ó candidato nº 4 dunha lista que obtivera 2600 votos corresponderíalle o número 2600/4 = 850. A partir de aí, vánse collendo persoas para cada posto, dun xeito ordeado, correspondendo ós números máis elevados, ata encher os postos dispoñibles.

Como demostración para ver como se aplica, tomemos o caso das eleccións municipais do 2007 en Ribadeo. Había 13 cadeiras dispoñibles, a ocupar por xente de 4 listas de 13 persoas (máis suplentes). Os resultados resúmense na seguinte táboa:

A parte esquerda da táboa corresponde ós votos obtidos por cada opción, e porcentaxes sobre censo, sobre o total de votos emitidos, sobre o total de votos a partidos, etc. Hai que ter en consideración que os votos que contan són só os que reciben os partidos, non contando para o reparto nin a abstención (principal opción electoral individualizada como pode verse na táboa) nin os votos en branco, nin os nulos.

A parte dereita da táboa é o resumo de aplicación do método d’Hondt. Aparecen nela os números correspondentes ás divisións entre 1, entre 2, etc (non poño todas as divisións por non ser necesario, unha vez cubertos os postos) dos votos de cada partido. A orde de consecución de concelleiros por cada grupo foi:

1º concelleiro: BNG

2º: PP

3º: PSOE

4º: 2º concelleiro do BNG

5º: 2º concelleiro do PP

6º: UPRi

7º: 2º concelleiro do PSOE

8º: 3º concelleiro do BNG

9º: 3º concelleiro do PP

10º: 3º concelleiro do PSOE

11º: 4º concelleiro do BNG

12º: 4º concelleiro do PP

13º: 2º concelleiro da UPRI

Así, gardando a mesma ordeación que na táboa anterior, os postos foron conseguidos nesta orde:

Onde aparecen en vermello os concelleiros efectivamente obtidos e en azul a orde de asignación dos catro máis que se obterían se o concello tivera asignados 17 concelleiros, como se barallou que podía suceder nestas eleccións 2011. Pódese ver que corresponden a ordeación dos números en vermello na táboa de resultados.

Nesta última táboa pódese observar que co mesmo número de votos, pero diferente número total de concelleiros, a representación cambia sen ser de xeito proporcional, tendendo a favorecer ós partidos máis votados como se dixo máis enrriba. Igual pasaría se o número de cadeiras dispoñibles fora 12, tendo quedado  nese caso UPRi cun só concelleiro.





A ti, candidato, ante a recta final de campaña:

20 05 2011

Quedan tan só unhas horas, poucas, para o remate dunha campaña eleitoral que deberas ter comezado uns catro anos atrás. Por diante poucas oportunidades para pedir o voto de xeito directo. A última, posibelmente, o mitin final de campaña da túa formación política.

Quen vai asistir esta tarde-noite ao acto que tendes programado é xente que xa está convencida, mulleres e homes que confían en ti e nas túas posibilidades de cara o vindeiro domingo (haberá unha maioría de militantes ou simpatizantes da túa formación). Pero precisan que ti llelo digas, que mires aos seus ollos e lles asegures que si, que se pode, que o obxectivo proposto (ten que habelo senón malo) está máis preto cá nunca.

Hoxe tes que ter moi clara a mensaxe que queres transmitir. Toda unha campaña resumida nunha frase, en dúas como máximo porque tres xa serán moitas. Esquece os datos, as propostas concretas, a batería de obras que queres facer se gobernas… Fálalles de futuro, de ilusión, de honradez, de humildade e compromiso cun proxecto, cunhas ideas, coa cidadanía… Tes que emocionarte ti pero sobre todo emocionar a quen te escoita. Lembra que representas a un equipo formado por mulleres e homes que comparten contigo un proxecto e uns obxectivos. Fainos partícipes das túas verbas, bríndalles o teu alento e máis o teu agradecemento polo esforzo realizado e máis polo que terán por diante tralo 22-m.

Pensa que todo é comunicación polo que cómpre que te esmeres na túa posta en escena. Para convencer e transmitir confianza cómpre estar convencido e confiar nun mesmo. Entra con seguridade e determinación ao escenario, con paso firme, cun sorriso e unha mirada optimistas. A túa voz ten que ser a voz do convencemento, non tatexes nin por un intre, frases curtas e directas, que sexan quen de mover a quen tes sentad@ diante túa.

Non esquezas que é a última oportunidade que tes de colocar a túa mensaxe. Cando remates de falar todo quedará nas mans da reflexión (mañá veremos como se pode comunicar na xornada de reflexión sen necesidade de pedir directamete o voto) polo que as últimas palabras que pronuncies teñen que ter a forza suficiente para, coma se dun eco se tratase, acompañar a quen te escoite até o momento de depositar a papeleta na urna.





Que é, realmente, un programa eleitoral?

19 05 2011

Catro son as formacións políticas que concorren en Ribadeo aos comicios municipais que se van celebrar este vindeiro domingo, 22 de maio. Cada unha co seu programa eleitoral e as súas propostas.

Para a súa elaboración, un partido toma como referencia a súa experiencia directa, ben sexa no goberno ou na oposición; o contacto coa cidadanía (imprescindíbel en todos os ámbitos e moito máis no local) para coñecer as inquedanzas da xente a través de reunións con colectivos culturais, veciñais, empresariais ou co simple método, tan pouco empregado, da escoita do que pide a rúa; ou ben adopta medidas que derivan da súa ideoloxía, cada vez máis malograda pola procura dun centro á que andan boa parte das formacións do arco político.

Unha vez feita a recollida de propostas cómpre traballar nelas, estudalas, ver as posibilidades que existen de levalas a cabo e dar forma ao que debe ser un dos eixes do proxecto político que se representa: a construción dun programa eleitoral críbel e con posibilidades de ser executado na súa totalidade que se integre na estratexia de campaña e que sexa acorde coa mensaxe que se vai transmitir.

Non é unha tarefa doada e poucas veces se cumpre. Ribadeo non é unha excepción. Seguindo o criterio de realismo e da capacidade efectiva de levalas a cabo, moitas das propostas estrela que presentan as formacións políticas ficarían fóra dos papeis e dos discursos que circulan estes días polos buzóns ou os mítines. Hai unha que me ten abraiado dende que a escoitei: pode prometerse na actual coxuntura económica un aparcamento debaixo dun campo de fútbol que vén acompañado da renovación do propio estadio, da construción dun ximnasio, dunha cafetería e non sei cantas cousas máis? Pode prometerse, si, pero dubido que haxa posibilidades de cumprilo por máis que xa se amosen os planos.

Aínda non callou a idea de que un programa eleitoral é algo serio, un contrato coa cidadanía de obrigado cumprimento ao longo dos catro anos e do que se deben rendir contas ao remate da lexislatura. Non é un papel que ten conta do que lle poñen co único fin de impresionar. Tampouco un brindis ao sol. Realismo e viabilidade das medidas propostas, son os elementos que sosteñen un programa. Sen eles todo será fume, nada máis e máis cedo cá tarde a cidadanía darase conta e exercerá a responsabilidade democrática de retirar a confianza a quen non cumpriu o prometido.

O actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, empregou unha estratexia comunicativa moi interesante, mais tamén arriscada, na campaña dos comicios autonómicos de 2009, cando asinou un compromiso con Galicia de 14 puntos dos que debe dar conta en 2013.  O BNG de Ribadeo, por exemplo, mantén unha liña similar á do presidente do executivo galego e califica o seu programa de “o noso contrato coa cidadanía” e o PP fai referencia nas intervencións do seu candidato a que se trata de propostas pensadas a catro anos vista e todas elas con posibilidade de ser realizadas. No caso do PSdeG-PSOE apuntan a un programa “conciso e axustado”.

Agora tócanos a nós valorar o grao de realismo que percibimos neses programas e determinar, se non o temos feito xa, o sentido do noso voto. Sexa para uns ou para outros, non estaría de máis gardar nun caixón o que hoxe se promete para dentro de catro anos, ou antes, obrigar a render contas a quen teña responsabilidade de goberno mais tamén de oposición.





A igualdade nos programas: asignatura pendente

18 05 2011

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou o pasado 7 de maio o primeiro debate centrado en materia de igualdade entre mulleres e homes que se organiza na comarca entre as mocidades das tres principais forzas políticas con representación nos concellos da Mariña (PP, PSdeG-PSOE e máis BNG). É posíbel que sexa tamén o único debate destas características que se atope en toda Galicia e un dos poucos que se celebren no conxunto do Estado. E é que lamentabelmente a igualdade non forma parte das primeiras páxinas da axenda temática desta campaña eleitoral.

Os titulares dos medios de comunicación locais centran estes días a súa atención nos cruces de declaracións sobre a situación financeira do Concello, a política de persoal, a subestación eléctrica para o Polígono Industrial ou a rehabilitación da Torre dos Moreno. De igualdade pouco ou nada se fala. E é que se observamos o programa eleitoral que presentan as catro formacións políticas que aspiran a obter responsabilidade de goberno en Ribadeo comprobamos como as políticas centradas na muller só aparecen recollidas nas propostas de dous partidos: BNG e PP. UPRI e máis PSdeG-PSOE non contan con políticas específicas en materia de igualdade.

Especialmente chamativo é o caso do programa dos socialistas. A única medida que propoñen en materia de conciliación é a demanda á Xunta de Galicia de construción dunha Escola Infantil. É unha situación que sorprende pois o programa marco do PSOE, que marca “los grandes ejes sobre los que giran las propuestas socialistas en el ámbito municipal para los próximos cuatro años”, adica unha serie de apartados específicos á construción de concellos en igualdade, aplicación de medidas en materia de conciliación, corresponsabilidade e emprego para as mulleres ou loita contra a violencia machista, entre outros. Máis aínda cando as políticas de igualdade foron un dos eixes das propostas sociais do PSOE tanto no ámbito estatal coma autonómico ou local.

A UPRI inclúe entre as 113 medidas que conforman o seu programa eleitoral dúas propostas en materia de conciliación: a creación dun novo centro de educación infantil e máis a posta en marcha dun Centro de Día.  As dúas propostas figuraban xa no programa eleitoral da formación independente nos comicios de 2007.

Tal e como se apuntaba anteriormente, tan só PP e BNG levan un apartado específico centrado nas políticas de igualde.

O PP propón a ampliación das prazas de gardería, a creación dun centro de acollida para as mulleres vítimas da violencia xénero, a posta en marcha dunha xornada de Muller e Interculturalidade, o impulso ao Consello Municipal da Muller e aos programas de educación en igualdade dos centros de ensino, o deseño dun plano de formación e cualificación profesional específico para as mulleres así como o apoio á reinserción social e laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero.

O programa do BNG ten como “obxectivo estratéxico acadar a plena realización do principio de igualdade de oportunidades  entre homes e mulleres nos concellos” coa posta en marcha de políticas transversais “que engloben distintos sectores da actividade económica, social e cultural”. A formación nacionalista propón a elaboración dun II Plan de Igualdade que permita concluír as actuacións pendentes e poñer en práctica novas propostas, comprométese a esixir a construción da escola infantil e máis á dinamización do Consello Municipal das Mulleres para facer del un órgano con iniciativa para reforzar a presenza e capacidade de decisión das mulleres no conxunto da sociedade. Tamén aposta pola creación dun punto de encontro familiar e máis por continuar coas diferentes medidas de conciliación da vida familiar e laboral xa postas en práctica (bonos axuda, actividades culturais e deportivas en tempo de vacacións…). En materia de emprego o programa centra a súa atención na promoción da plena incorporación das mulleres ao mundo laboral superando así unha visión desfasada das mulleres como coidadoras de nenos e nenas e de persoas dependentes. Así mesmo, queren seguir desenvolvendo actividades formativas e de ocio que melloren a capacitación da muller para moverse nunha sociedade cada vez máis dinámica e proseguir con campañas de sensibilización en materia de igualdade en colaboración cos centros de ensino e de saúde para previr a violencia de xénero. Por último manteñen no programa a continuidade de actividades que permitan que  as mulleres poidan gozar do seu tempo propio.

A crenza de que interesa máis cá igualdade falar do PXOM, de obras faraónicas dificilmente executábeis, da austeridade no goberno ou da mellora de camiños no rural é certa e está moi extendida no debate político e na conversa de taberna que xira arredor da vida municipal e que en ocasións marca o rumbo da axenda política dos candidatos.

Mais non se debe esquecer que obviando as políticas de igualdade estase perpetuando unha eiva histórica  que situou sempre á muller por detrás do home e que relegou a esta ao ámbito privado, ao coidado das crianzas e das persoas dependentes.

Non está todo feito, non existe unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Por iso son precisas propostas e medidas neste eido e que a igualdade se transforme nun piar central dos obxectivos de goberno das formación políticas que concorren aos comicios do vindeiro domingo.

Non facelo significa dar as costas a máis da metade da poboación ribadense negar a capacidade da política para transformar a sociedade.

Para saber máis:

  • Carrasco, Cristina, Mujeres y Economía. Nuevas perspectivas para viejos y nuevos problemas, Icaria, Barcelona, 2003.
  • Espigado, Gloria, “Las mujeres en el nuevo marco político” en Morant Deusa I. (Ed.), Historia de las mujeres en España y América Latina, Cátedra, Madrid, 2006.





Aviso a navegantes

17 05 2011

Esta tarde-noite a Porta do Sol de Madrid congregou (e congrega) a un bo feixe de persoas (o abano das cifras abrangue dende as 6.000 ás 12.000 dependendo das fontes) convocadas polas mesmas plataformas que organizaron a mobilización do pasado domingo, 15 de maio, na procura dunha democracia real. A imaxe repítese en cidades coma Barcelona, Bilbo, Sevilla, Málaga ou Salamanca, entre outras, e os tags #spanishrevolution e máis #nonosvamos xa son tendencia na rede social Twitter, unha das máis activas nestas protestas.

Mulleres e homes, maiores ou máis mozos, daquí e dacolá que amosan a súa indignación por unha democracia que non é tal, por ser vítimas dunha crise da que non son responsábeis, por unha política e máis unha economía rendidas á corrupción, pola indefensión que senten como cidadáns e cidadás…

Até o de agora non é posíbel determinar o alcance deste movemento, se vai ser algo pasaxeiro ou se terá continuidade no tempo, tampouco que repercusión terá nos comicios do vindeiro domingo pois as concentracións contan tamén co apoio do movemento #nolesvotes mais non pode pasar desapercibida a súa importancia como reacción social, tampouco en Ribadeo.

Unha das reivindicacións das persoas que saimos á rúa é a de ser escoitados por quen nos representa nas institucións. As mulleres e homes que saian elixidos o vindeiro domingo nos comicios municipais en Ribadeo, tanto no goberno como na oposición, deben ter moi presente que a política é cousa de cada día e non só dos quince antes de ir votar, de camiñar pola rúa e escoitar propostas e demandas, de escoitar como primeiro paso para ser escoitados, de facilitar a participación cidadá na vida política…

Quen hoxe se ergue en Madrid, en Barcelona ou en Bilbo pode facelo mañá en Ribadeo, sen dúbida, no caso de que as políticas pensen máis nos petos ou nos intereses propios cá nas persoas.

Así pois, as mobilizacións que están tendo lugar en todo o Estado deben servir como aviso para navegantes da política, para que quen saia elixido ou elixida o vindeiro domingo teña en conta que o “o povo é quem mais ordena”.

Para estar ao tanto das mobilizacións e máis para comprender a indignación colectiva: