A igualdade nos programas: asignatura pendente

18 05 2011

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou o pasado 7 de maio o primeiro debate centrado en materia de igualdade entre mulleres e homes que se organiza na comarca entre as mocidades das tres principais forzas políticas con representación nos concellos da Mariña (PP, PSdeG-PSOE e máis BNG). É posíbel que sexa tamén o único debate destas características que se atope en toda Galicia e un dos poucos que se celebren no conxunto do Estado. E é que lamentabelmente a igualdade non forma parte das primeiras páxinas da axenda temática desta campaña eleitoral.

Os titulares dos medios de comunicación locais centran estes días a súa atención nos cruces de declaracións sobre a situación financeira do Concello, a política de persoal, a subestación eléctrica para o Polígono Industrial ou a rehabilitación da Torre dos Moreno. De igualdade pouco ou nada se fala. E é que se observamos o programa eleitoral que presentan as catro formacións políticas que aspiran a obter responsabilidade de goberno en Ribadeo comprobamos como as políticas centradas na muller só aparecen recollidas nas propostas de dous partidos: BNG e PP. UPRI e máis PSdeG-PSOE non contan con políticas específicas en materia de igualdade.

Especialmente chamativo é o caso do programa dos socialistas. A única medida que propoñen en materia de conciliación é a demanda á Xunta de Galicia de construción dunha Escola Infantil. É unha situación que sorprende pois o programa marco do PSOE, que marca “los grandes ejes sobre los que giran las propuestas socialistas en el ámbito municipal para los próximos cuatro años”, adica unha serie de apartados específicos á construción de concellos en igualdade, aplicación de medidas en materia de conciliación, corresponsabilidade e emprego para as mulleres ou loita contra a violencia machista, entre outros. Máis aínda cando as políticas de igualdade foron un dos eixes das propostas sociais do PSOE tanto no ámbito estatal coma autonómico ou local.

A UPRI inclúe entre as 113 medidas que conforman o seu programa eleitoral dúas propostas en materia de conciliación: a creación dun novo centro de educación infantil e máis a posta en marcha dun Centro de Día.  As dúas propostas figuraban xa no programa eleitoral da formación independente nos comicios de 2007.

Tal e como se apuntaba anteriormente, tan só PP e BNG levan un apartado específico centrado nas políticas de igualde.

O PP propón a ampliación das prazas de gardería, a creación dun centro de acollida para as mulleres vítimas da violencia xénero, a posta en marcha dunha xornada de Muller e Interculturalidade, o impulso ao Consello Municipal da Muller e aos programas de educación en igualdade dos centros de ensino, o deseño dun plano de formación e cualificación profesional específico para as mulleres así como o apoio á reinserción social e laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero.

O programa do BNG ten como “obxectivo estratéxico acadar a plena realización do principio de igualdade de oportunidades  entre homes e mulleres nos concellos” coa posta en marcha de políticas transversais “que engloben distintos sectores da actividade económica, social e cultural”. A formación nacionalista propón a elaboración dun II Plan de Igualdade que permita concluír as actuacións pendentes e poñer en práctica novas propostas, comprométese a esixir a construción da escola infantil e máis á dinamización do Consello Municipal das Mulleres para facer del un órgano con iniciativa para reforzar a presenza e capacidade de decisión das mulleres no conxunto da sociedade. Tamén aposta pola creación dun punto de encontro familiar e máis por continuar coas diferentes medidas de conciliación da vida familiar e laboral xa postas en práctica (bonos axuda, actividades culturais e deportivas en tempo de vacacións…). En materia de emprego o programa centra a súa atención na promoción da plena incorporación das mulleres ao mundo laboral superando así unha visión desfasada das mulleres como coidadoras de nenos e nenas e de persoas dependentes. Así mesmo, queren seguir desenvolvendo actividades formativas e de ocio que melloren a capacitación da muller para moverse nunha sociedade cada vez máis dinámica e proseguir con campañas de sensibilización en materia de igualdade en colaboración cos centros de ensino e de saúde para previr a violencia de xénero. Por último manteñen no programa a continuidade de actividades que permitan que  as mulleres poidan gozar do seu tempo propio.

A crenza de que interesa máis cá igualdade falar do PXOM, de obras faraónicas dificilmente executábeis, da austeridade no goberno ou da mellora de camiños no rural é certa e está moi extendida no debate político e na conversa de taberna que xira arredor da vida municipal e que en ocasións marca o rumbo da axenda política dos candidatos.

Mais non se debe esquecer que obviando as políticas de igualdade estase perpetuando unha eiva histórica  que situou sempre á muller por detrás do home e que relegou a esta ao ámbito privado, ao coidado das crianzas e das persoas dependentes.

Non está todo feito, non existe unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Por iso son precisas propostas e medidas neste eido e que a igualdade se transforme nun piar central dos obxectivos de goberno das formación políticas que concorren aos comicios do vindeiro domingo.

Non facelo significa dar as costas a máis da metade da poboación ribadense negar a capacidade da política para transformar a sociedade.

Para saber máis:

  • Carrasco, Cristina, Mujeres y Economía. Nuevas perspectivas para viejos y nuevos problemas, Icaria, Barcelona, 2003.
  • Espigado, Gloria, “Las mujeres en el nuevo marco político” en Morant Deusa I. (Ed.), Historia de las mujeres en España y América Latina, Cátedra, Madrid, 2006.





A muller na política local: cuestión de cotas ou de compromiso?

27 04 2011

O Boletín Oficial da Provincia publicaba o pasado mércores 20 de abril as candidaturas presentadas polas diferentes formacións políticas aos comicios locais do 22 de maio. Atendendo só ás correspondentes ao Partido Xudicial de Mondoñedo, ao que pertence Ribadeo, pódese comprobar como a presenza feminina nas listas é baixa, moi baixa. Máis baixa aínda é a cifra de mulleres que encabezan unha candidatura. Os números falan por si sós: 18 concellos, 59 candidaturas e tan só 11 mulleres á fronte dunha lista con opcións a ocupar a máxima responsabilidade a nivel municipal.

¿Que acontece en Ribadeo? A situación non é moi optimista malia que se cumpre o disposto na Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes que dispón, no artigo 14.4, como criterio xeral de actuación dos poderes públicos “a participación equilibrada de mulleres e homes nas candidaturas electorais e na toma de decisións”.  E na súa disposición adicional segunda introduce unha modificación da lei electoral a través da cal se procura unha composición equilibrada das listas, de xeito que no conxunto da mesma os candidatos de cada un dos sexos supoñan como mínimo o corenta por cento.

Das catro candidaturas presentadas, todas elas están encabezadas por homes. O BNG optou por unha candidatura cremalleira con alternancia home-muller; o PP encabeza a lista con dous homes seguidos de tres mulleres; o PSdeG-PSOE aposta por dous homes e unha muller nos tres primeiros postos; e a UPRI sitúa aos seus dous concelleiros actuais nos postos de cabeceira sendo unha muller quen ocupa o terceiro lugar na lista.

Observando os datos apuntados xorden varias preguntas: ¿non hai mulleres suficientemente capacitadas para encabezar as candidaturas á alcaldía de Ribadeo?, ¿interésalles aos partidos a igualdade ou simplemente é unha cuestión de cumprir coas cotas marcadas pola lexislación vixente? ou ¿está a política local pensada para as mulleres?

Sobre as cualidades da muller para ocupar postos de responsabilidade na vida pública folgan as verbas. Téñenas e non precisan demostralas pois deberían darse por supostas como se dan no caso dun varón.

As formacións políticas quéixanse, xeralmente por boca dos homes que son os que, tamén no caso de Ribadeo, ocupan as máximas responsabilidades nas mesmas, de que é moi difícil formar unha lista e que non resulta doado cumprir as cotas que marca a lei porque a muller continúa sendo reacia a entrar en política. Pode ser certa a primeira afirmación, non é fácil que a xente queira participar de maneira activa na política por todo canto calificativo negativo pesa enriba desta.

Sobre a segunda hai moito que discutir. Se a muller non chega á primeira liña da actividade pública, algo terá que ver que a política manteña estruturas e rutinas de carácter androcéntrico e contrarias a calquera atisbo de conciliación.

Os partidos que se presentan en Ribadeo fan públicos estes días unha parte ou a totalidade dos seus programas eleitorais e en ningún deles se recollerán medidas que favorezan a incorporación da muller á vida política local. Non se cuestiona, por exemplo, o horario dos plenos. ¿Cómo se pode conciliar se un pleno comeza ás oito ou oito e media do serán e dura, como mínimo, dúas horas? A muller segue sendo, de maneira maioritaria, quen se encarga do coidado das crianzas e máis das persoas dependentes o que lle impide participar, neses horarios e logo da xornada laboral, na vida pública.

Similares son os horarios dos órganos internos das formacións políticas. As reunións convócanse pola noite ou na fin de semana e prolónganse durante horas o que dificulta a participación da muller nas mesmas. ¿En que se traduce? Todas e todos sabemos que é aí onde se forxan as carreiras políticas, os contactos, os ascensos… Se a muller non está presente non pode nin sequera optar aos postos de responsabilidade pois sempre haberá homes que tiveron oportunidade cultivar as relacións públicas que garanten a subida. O teito de cristal resulta imposíbel de rachar para a muller non só na empresa, onde se reproduce esta mesma situación, tamén na política.

E unha cuestión máis: ¿como se pode acadar todo isto se a corresponsabilidade no eido da parella continúa sendo unha excepción?

É a pescada que traba no seu propio rabo. Non haberá un maior número de mulleres na política até que esta permita a conciliación da vida laboral e familiar e isto non será posible até que a sociedade sexa consciente da necesidade dunha igualdade real e efectiva, en todos os ámbitos, entre mulleres e homes. E acadar ambos obxectivos é cuestión de compromiso, non só de cadrar números para cubrir o expediente.

Para saber máis sobre a participación da muller na política:

  • Gutiérrez-Rubí, Antoni, Políticas. Mujeres protagonistas de un poder diferenciado, Colección Planta29, Barcelona, 1999. Podes desacargalo aquí.
  • Astelarra Bonomi, MªJudith, Participación política de las mujeres, CIS-SigloXXI de España Editores, Madrid, 1990.
  • Estatísticas de participación da muller nos ámbitos de poder e toma de decisións, información compilada polo Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade do Goberno do Estado.
  • Campoamor, Clara, El voto femenino y yo: mi pecado mortal, Diario Público-Editorial Sol90, Madrid, 2010.
  • de Gouges, Olympe, Escritos políticos e literarios, Servizo Galego de Igualdade e Sotelo Blanco Edicións, Compostela, 2007